jueves, 21 de febrero de 2013

Liga Galega de Xadrez.


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.
XORNADA: 5ª Xornada

O Universidade de Vigo colle o temón da Liga Galega de Xadrez.
Catro xornadas despois da inesperada derrota inaugural, o primeiro equipo universitario recupera a desvantaxe acumulada e xa é o líder da División de Honra. Liderado apoiado nunha extraordinaria vitoria acadada fronte o “Círculo Ferrolán de Xadrez”. 1.5 a 4.5 nunha das saídas máis incómodas, e fronte a un dos rivais máis fortes da competición.
Os equipos filiais perpetúan o seu “via crucis” particular, o “UVigo-Xadrez Galego” encaixa un severo 4 a 0 a mans do “Liceo Ourense”, e o “UVigo-XG 2020” caeu 1 a 3 fronte o “Xadrez Albatros C”.
A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:
División de Honra: “Círculo Ferrolán de Xadrez” 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”
Primeira División: “Liceo Ourense” 4 – 0 “UVigo-Xadrez Galego”
Terceira División: “UVigo-XG 2020” 1 – 3 “Xadrez Albatros C”

CRÓNICA:
DIVISIÓN DE HONRA
“Círculo Ferrolán de Xadrez” 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”.
“Un golpe de autoridade ante un dos firmes aspirantes á coroa do vixente Campión Galego, o Universidade de Vigo”
Vitoria moi traballada e con duras loitas desenvolvidas, loitas nas que a calidade técnica dos de Vigo inclinou a balanza no seu favor. As excepcións estiveron na partida de Páramos, que se impuxo dunha maneira moi doada tras un erro grave de cálculo do seu rival, e na dun Leirós que encaixaba a primeira derrota da tempada, tras unha elección estratéxica, pouco axeitada, que o rival soubo aproveitar. As catro partidas restantes engadiron a pementa que fixo do encontro un espectáculo moi emocionante pola incerteza do desenlace. O capitán, Pablo García, atopábase nunha posición con vantaxe, pero xogando cos trinta segundos de incremento que se reciben por xogada
realizada, fronte ós máis de 60 minutos do rival, un feito que lle fixo ofertar un empate, o rival rexeitouno coa intención de sacar proveito do apuro de tempo pero topou cunha técnica impecable do capitán que rematou por impoñer a súa vantaxe na posición. Na de Rafael Rodríguez, a situación inversa, o xogador de Vigo cunha hora no reloxo e o seu rival cos trinta segundos, así nunha posición igualada o ferrolán non foi quén de defenderse. Manuel Pena xogaba unha das súas partidas favoritas, unha posición de caos total e ambos xogadores con pouco tempo, e cando semellaba que estaba a piques de inclinar o seu rei, atopa unha combinación incrible que forza o reparto do punto. E por último Alberto Estévez, ó que desta vez o capitán lle prohibiu achegarse ós elevadores, xogaba unha partida longuísima na que con ambos contendentes sen case tempo, tivo que resolver un final técnico moi laborioso, no que tiña unha vantaxe dun peón. Cando así o fixo sumábase o punto definitivo que deixaba o marcador no 1.5 a 4.5.

PRIMEIRA DIVISIÓN
O UVigo-XG encaixa unha nova derrota, e xa son catro en cinco xornadas. Uns resultados que o sitúan nos postos de promoción de descenso, a piques de chegar o ecuador da competición.
Un severo 4 a 0 foi o resultado encaixado fronte o “Liceo Ourense”, un dos equipos máis experimentados da categoría que non deu opcións ós de Vigo.
Xogaron pola Universidade, Phil Adams, Eugenio Martínez, Jose Ramón González máis David Lorigados.
Roberto Paramos (Corpo Técnico): “Temos un equipo moi completo, con capacidade máis ca suficiente para saír dos postos da parte baixa. Toca mirar cara adiante e pensar xa no seguinte enfrontamento fronte o pechacancelas da categoría, o “Celanova A”.

TERCEIRA DIVISIÓN
As promesas do “UVigo-XG 2020” tampouco tiveron o seu día, e caeron na casa fronte o equipo de A Guarda, o“Xadrez Albatros C”.
O punto para os de Vigo acadouno “Rubén Fernández”. Tamén xogaron Joaquín Fernández, Lucas Bernárdez e Joel Roug.
O equipo das promesas distánciase un chisco dos postos de ascenso á Segunda División Galega, nun ano do seu debut no que o principal obxectivo e o de adquirir experiencia na competición.

Liga galega de Xadrez


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.
XORNADA: 4ª Xornada

Miguel Senlle derrota o Gran Mestre serbio, Stikovic, nunha nova vitoria do Universidade de Vigo.
Terceira vitoria consecutiva do Universidade de Vigo na Liga Galega de Xadrez. Subscritos ó 4.5 a 1.5, un marcador que deixa xa, ós universitarios, no segundo posto da xeral, a tan só medio punto do líder, o Círculo das Artes de Lugo.
No tocante ós filiais, nova derrota do “UVigo-XG”, que se achega perigosamente á parte baixa da xeral, e rolda de descanso para o equipo de promoción escolar.
Paro da Liga Galega pola festividade do Entroido. A disputa da quinta rolda terá lugar o sábado 16 de febreiro.
A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:
División de Honra: “Universidade de Vigo” 4.5 – 1.5 “Alexandre Bóveda A”
Primeira División: “UVigo-XG” 1 – 3 “UVigo Ourense”
Terceira División: Descanso


CRÓNICA:
DIVISIÓN DE HONRA
“Universidade de Vigo 4.5 – 1.5 “Alexandre Bóveda A”.
“Un resultado excelente, non só polos puntos obtidos, senón pola importancia da vitoria de Miguel Senlle, un dos referentes dos alumnos formados na Universidade de Vigo. Cando acadamos unha vitoria, pero ademais esta ven acompañada dunha proeza coma a de Miguel, derrotando a un dos Grandes Mestres máis fortes afincado en España, a ledicia e inmensa. É unha mensaxe para os máis novos de que “si se pode”, e tamén un tirón de orellas para as institucións, se non inician o seu apoio a estes rapaces que levan o nome de Vigo e Galicia con orgullo, novamente veremos como teñen que abandonar Galicia ou ben deixar a súa paixón”.
Acompañaron no resultado a Miguel, Avelino Leirós que leva 3 de 3, Paco Carrera máis o capitán, Pablo García. O empate chegou de mans de Rafael Rodríguez, e a
derrota foi para Diego Guerra, que está a ter un comezo un chisco irregular pero que conta coa total confianza do capitán.
A vindeira xornada, o 16 de febreiro, os universitarios viaxarán ata Ferrol para enfrontarse o Círculo Ferrolá de Xadrez, un dos aspirantes a loitar polo título co Universidade de Vigo.

PRIMEIRA DIVISIÓN
Unha derrota máis do UVigo-XG, e xa son tres en catro xornadas disputadas. O equipo queda no sétimo posto cunha vantaxe de dous puntos cos postos de descenso.
1 a 3 fronte o UVigo Ourense, un “derbi universitario” no que a sorte foi moi esquiva cos de Vigo. Xusta derrota de Manuel Lorenzo tras un erro táctico pouco habitual nel, co que perdeu un bispo sen obter compensación suficiente. Ós poucos minutos, Brais Otero equilibraba a balanza, o seu debut co equipo tras unha baixa forzada por lesión noutra das súas paixóns, o fútbol. E co 1 a 1, chegou o caos, David Pérez máis Roi Cabanas, despois dun inicio e medio xogo no que se mostraron moi superiores os seus rivais e obtendo unha vantaxe que debera resultar definitiva, chegou a presión do reloxo e a perda de control que se traduciu en dúas derrotas.
“No xadrez o tempo é un factor máis que inflúe no resultado final da partida, unha mala xestión do reloxo, pode botar por terra un correcto desenvolvemento da mesma. Na actualidade, e co fin de facelo máis televisivo, máis comercial o xadrez sufriu unha redución moi significativa dos tempos de xogo. Das máis de 12 horas que podía durar unha partida, pasamos, na actualidade, a unha media de 4 ou 5 horas.”

TERCEIRA DIVISIÓN
Descanso

Liga galega de Xadrez


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.
XORNADA: 3ª Xornada
Na senda da recuperación.
O Universidade de Vigo suma a segunda vitoria na Liga Galega de Xadrez. Un claro 1.5 a 4.5 que lle permite recuperar parte do camiño perdido coa derrota na xornada inaugural.
Trala disputa da terceira xornada da liga o primeiro equipo universitario sobe o cuarto posto da xeral, a tan só 2 puntos do primeiro clasificado.
Sorte dispar para os filiais, caeu derrotado o “UVigo-XG”, en Bueu, ante un dos mellores equipos da Primeira División, e novo 4 a 0 para os rapaces do “UVigo 2020”, que se desprazaron ata Tui.
A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:
División de Honra: “Distribunosa Padrón-Rianxo” 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”
Primeira División: “Xadrez Bueu A” 3 – 1 “UVigo-XG”
Terceira División: “Xadrez Tui B” 0 – 4 “UVigo 2020”

CRÓNICA:

DIVISIÓN DE HONRA
“Distribunosa Padrón-Rianxo 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”. Unha vitoria cómoda dos de Pablo García no seu desprazamento ate Rianxo. O equipo “fusión” entre pementeiros e rianxeiros foi o beneficiado da renuncia do Marcote a súa praza na División de Honra, nembargante todo apunta a que, un ano máis, terán moitas dificultades para manter a categoría.
A piques estivo o equipo universitario de acadar o primeiro pleno da tempada, pero un exceso de confianza de Alberto Estévez nunha posición na que dispuña de vantaxe, fíxolle omitir un golpe táctico do seu rival que resultou definitivo. Xa na quinta hora de xogo, o capitán remataba por ceder un empate ante a férrea defensa do seu rival.
As vitorias chegaron das mans dos Mestres Internacionais Rafael Rodríguez máis Diego Guerra, dun Avelino Leirós que está a desenvolver un xogo moi técnico e de suma precisión, e de Manuel Lorenzo, un dos mozos do filial que gozou da confianza do capitán e demostrou o por qué da súa progresión ascendente.
A anécdota da xornada estivo no apresamento accidental de Alberto Estévez no elevador da sala de xogo, non estaba debidamente sinalizado e o xogador universitario quedou retido case unha hora ate a chegada do técnico do concello que o liberou. A súa partida foi aprazada e comezou co citado retraso máis o susto do xogador.

PRIMEIRA DIVISIÓN
O UVigo-XG encaixou a segunda derrota da tempada, pese a enfrontarse a un dos equipos máis fortes da división, non están a ter un comezo moi regular.
3 a 1 para o equipo local, o Xadrez Bueu A. O punto dos de Vigo acadouno un inspirado Jose Ramón González, que está a ser un dos mellores deste inicio de tempada. Foron derrotados David Pérez, Eugenio Martínez máis Adrián Alfonso.
TERCEIRA DIVISIÓN
Volta ós taboleiros dos máis novos, os rapaces do UVigo 2020, que, literalmente, pasaron por riba do Xadrez Tui B. Un 0 a 4 que di moito da vitalidade e entusiasmo dos benxamíns da Universidade de Vigo.
Os nomes propios desta xornada foron os de Oscar Castro, Pedro González, Alan Van Loo máis Pedro Rodríguez.

martes, 22 de enero de 2013

Liga galega de Xadrez


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.

XORNADA: 2ª Xornada



A Liga Galega de Xadrez de volta no CUVI.

A segunda xornada da Liga Galega de Xadrez 2013 trouxo a estrea dos equipos da Universidade de Vigo na casa.

Unha nova tempada con moitos e grandes retos por diante. Os universitarios defenden a coroa de Campión de Galicia, e o seu posto na Primeira División Nacional.

Outra das novidades máis destacadas foi a presentación do “UVigo 2020”, un equipo no que terán cabida os xogadores do programa de Promoción do Deporte en Idade Escolar, desenvolvido pola Sección de Xadrez da Universidade de Vigo.


A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:

División de Honra:    “Universidade de Vigo”  4.5 – 1.5  “Círculo Chantadino”

Primeira División:      “UVigo-XG”  1.5 – 2.5  “ENCE-Xadrez Marín”

Terceira División:      “UVigo 2020”  4 – 0  “Xadrez Tui C”

 CRÓNICA:



DIVISIÓN DE HONRA

Vitoria clara ante un dos debutantes da categoría, o “Círculo Chantadino de Xadrez”.

Os puntos acadados por Miguel Senlle, Francisco Carrera, Alberto Estévez e Pablo García, máis o empate de Manuel Pena fronte o Gran Mestre serbio Dragan Paunovic, subiron ó marcador o 4.5 a 1.5 final. O punto para os de Chantada sumouno Tomás Alonso tras unha gran partida na que sorprendeu o Mestre Internacional universitario, Diego Guerra.

Trala derrota pola mínima da xornada inaugural ante o Xadrez Ourense, o Universidade de Vigo acende os motores e comeza a recuperación da desvantaxe co actual líder que é o “Círculo Ferrolá de Xadrez” con 9 puntos e dúas vitorias.

  

PRIMEIRA DIVISIÓN

O UVigo-XG é un equipo integrado polos mozos máis avanzados do proxecto escolar da Sección de Xadrez, máis os alumnos da Universidade de Vigo que retomaron a práctica deportiva co programa das Escolas Deportivas Universitarias. Nesta categoría van completando a súa formación e adquirindo maior experiencia en competición, sendo incluso moitas veces chamados ó primeiro equipo polo capitán, o Mestre Internacional Pablo García.

Nesta xornada non puideron repetir a vitoria da semana pasada e caeron por un axustado 1.5 a 2.5 fronte o ENCE-Xadrez Marín A. Vitoria para Jose Ramón González, empate de Manuel Lorenzo e derrotas de David Pérez máis de David Lorigados.



TERCEIRA DIVISIÓN

Decepción para os rapaces do UVigo 2020, pero non polo resultado, senón pola non comparecencia do equipo rival, que fai que teñan que agardar unha semana máis para poder sentar diante do taboleiro e defender as cores da Universidade de Vigo. O día anterior o Xadrez Tui C comunicou á Federación Galega a súa intención de non comparecer máis a probable baixa da competición, por problemas de loxística do Club.

O resultado computa coma un 4 a 0 para o equipo universitario.
 


PRÓXIMA XORNADA:

A próxima xornada disputase o vindeiro sábado 26 de xaneiro, cos seguintes enfrontamentos:

DIVISIÓN DE HONRA         Distribunosa Padrón-Rianxo  –  Universidade de Vigo

PRIMEIRA DIVISIÓN          Xadrez Bueu A  –  UVigo-XG

TERCEIRA DIVISIÓN          Xadrez Tui B  -  UVigo 2020


Toda a información dos equipos de xadrez da Universidade de Vigo, na súa páxina web, www.webs.uvigo/xadrez  e na páxina web oficial da Federación Galega de Xadrez www.fegaxa.org



viernes, 19 de octubre de 2012

AUGAVENTURA

Aquí tedes o programa do Augaventura deste Outono



Aínda non vos apuntáchedes?

miércoles, 3 de octubre de 2012

Bolsa de colaboración no programa de Rutas culturais

Bos días, deixámosvos toda a información sobre a bolsa convocada para os programa de rutas culturais.



jueves, 19 de enero de 2012